V ENCONTRO EDUKALBOAN

Algunhas chegamos a Orduña, ás xornadas de educación transformadora,  acompañando ao encontro de “Gazte Sarea” a grupos de mozos/as que estiveron encantados de afondar en dinámicas de reflexión e participación, en grupos dunha diversidade máis alá do puramente estético. Diversidade nada sinxela de conseguir no noso día a día e aplaudimos a Alboan por impulsala, coidala e por facer posible que nos atopemos nestes espazos plurais e inclusivos.

Así, como quen non quere a cousa, coa escusa do dous por un, “mentres acompañades aos mozos e mozas un pouco de reflexión-formación”, os que deseñan as actividades de Educalboan introdúcennos, sen case darnos conta, nunha dinámica de escoita, reflexión e diálogo ante os que algunhas tivemos que sacudirnos a pereza e o cansazo da semana.

Tras os sesudos títulos apareceron, grazas aos poñentes, ideas e  emocións que nos espertaban, nos movían  e incluso algunhas nos inspiraban:  mirar para ver o que se pode e non o que non se pode, escoitámoslle dicir á psicopedagoga Constanza Orbaiz, era Pepe Menéndez quen nos traía as súas verbas; soubemos de organizacións en movemento que se poñen en cuestión e fan cambios estruturais e de acción valentes, é o caso de Fe y Alegría Colombia como  nos contaba Sabrina Burgos; con moita xenerosidade compartíronnos experiencias, algunhas  de transformacións de tradicións, como nos explicaban  desde o colexio de Xesuítas de Pamplona, outras de  innovación para incorporar espazos e dinámicas  de integración como resposta á propia realidade que se vive en Egibide, e tamén  procesos de empoderamento desde a educación non formal que fan posible a integración de mozos e mozas no Campillo-Vitoria como nos contaba Andrea.

A finais do sábado, invitáronnos a pararnos a mirar esas experiencias que nos presentaran e descubrir nelas algúns dos  15 trazos dunha educación para a transformación do mundo (trazos que recolleron nun documento guía, que pode ser unha ferramenta práctica para ir avaliando as nosas propostas, proxectos, procesos, rutinas educativas) e resultou sinxelo atopar varios deses trazos nas experiencias escoitadas. Pero ademais foron máis alá e animáronnos a botar unha ollada a algún dos recunchos dos nosos propios proxectos educativos; mira ti por onde, así, sen moito esforzo, algo anestesiados polo cansazo ao final do día, atopamos algúns destes 15 trazos tamén nos nosos armarios de educación, comprobando que algo tiñamos “na cartucheira”, non necesitabamos compralos todos nin empezar de cero para entrar nisto dunha educación transformadora. Esta constatación aliviábanos un tanto da carga de responsabilidade que temos entre mans, a educación, e axudábanos a espantar o medo e conectar con dinámicas de ilusión e esperanza, que ao final do encontro algunha persoa no grupo subliñaba como necesarias.

Grazas, Alboan, por axudarnos, unha vez máis, a parar, mirar e ver, que non é pouco. Agora tócanos pensar que facemos con isto no noso día a día, seguiremos consultándovos.

E agora, tras repasar o vivido, desde o humus que comeza a xerarse do escoitado e esquecido, do barruntado e contrastado nestes días, no medio destas xornadas de reivindicación laboral na educación e do día a día na aula, xórdenme entre outras cousas estas inquedanzas e interrogantes varios:

  • tempo, precisamos tempo para mirar ao “ti” que temos diante en cada momento e acompañalo…porque Gaizka, Lisbeth, Orianna, Asmae… mañá xa non terán 13 anos e as respostas estanas buscando hoxe, agora é cando necesitan ir descubrindo  “o que poden”, necesitamos tempo para miralas;
  • agora é o momento da transformación para unha cidadanía global, non se me pode escapar o agora por tentar que non se me escape o futuro da educación, …atordadas-os pola oferta de cursos e receitas para a educación do futuro, precisamos tempo, agora, para poñer en marcha o que xa sabemos que é transformador… sei que o tempo é limitado, urxe priorizar e elixir, organizarnos e complementarnos;
  • xusta, inclusiva, plural, participativa e sustentable, se a educación ten que ser así, pode que tal vez a transformación da mesma non poida ser tan rápida como queremos, ou como pensamos que “o momento require”…teremos que empezar a pensar no “decrecemento” tamén desde a educación, é posible un avance máis lento, pero no que non nos quede ninguén atrás, no que todas-os sexamos necesarios, educandos-as e educadores-as, e do que nos sintamos parte responsable nas nosas comunidades educativas, cada cal desde onde é?, ¿ e se o proceso é máis lento pero imos todas-os sentindo que esta transformación para a cidadanía global está sendo xa?;
  • mirar cara ao futuro si, pero non cara a calquera futuro… innovar si, pero é todo novo o que nos presentan como tal, todo o novo sérvenos para a transformación que queremos, non teremos moito xa nos nosos armarios educativos, poderiamos pensar máis a modo o que necesitamos e podemos adquirir, non poderiamos unirnos ao movemento “vintage”  tamén en educación, adaptar, reutilizar ben, sen necesidade de estar cada día buscando a última novidade fóra, nun estilo que soa moito a usar e tirar, a perpetua insatisfacción, a non sustentabilidade?

0 Comentarios

Deixe un comentario

Queres participar na conversa?
escribir

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *