II ENCONTRO DO MOVEMENTO POLA EDUCACIÓN TRANSFORMADORA E A CIDADANÍA GLOBAL.

“A educación non muda o mundo, muda as persoas que van cambiar o mundo”

Paulo Freire

Durante os pasados 16, 17 e 18 de novembro tivo lugar en Los Negrales (Madrid), o II Encontro do Movemento pola Educación Transformadora e a Cidadanía Global (ETCG) co apoio de AECID. Nestes tres días de encontro, unhas 70 persoas pertencentes á Rede de Educadores e Educadoras para unha Cidadanía Global, acompañada por Oxfam Intermon, Redec – Rede Solidaria de Docentes, promovida por Entreculturas, Rede de Educadoras e Educadores de Alboan para a Solidariedade EDUKALBOAN e Rede Transforma de Centros Educativos para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, acompañada por InteRed, volvémonos xuntar para compartir experiencias e prácticas educativas transformadoras.

 

Durante o encontro puidemos profundar na nosa proposta de innovación pedagóxica “Centros Educativos Transformadores: trazos e propostas para avanzar”.  A través dun traballo colaborativo, reflexionamos sobre os tres bloques principais que afectan á vida dos centros escolares:

  • A cultura do centro referida aos principios, visión e valores do centro.
  • As prácticas que leva a cabo o centro como chaves pedagóxicas e metodoloxías transformadoras.
  • As políticas do centro reflectidas na planificación e organización do centro.

 

No tempo transcorrido na nosa convivencia, xeramos espazos de reflexión e intercambio na nosa aprendizaxe de novas formas de acción na Educación Transformadora para a Cidadanía Global, unha educación con enfoque de xénero, dereitos humanos, interculturalidade e sostibilidade ambiental, comprometida cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que nos achegan a un mundo máis libre, sostible e igualitario para todas e todos.

 

Foron días de Celebración compartida polo presente e polo futuro dun Movemento máis amplo, que continúe vinculándonos nas aulas e escolas coa realidade global e coa busca do ben común.

V ENCONTRO EDUKALBOAN

Algunhas chegamos a Orduña, ás xornadas de educación transformadora,  acompañando ao encontro de “Gazte Sarea” a grupos de mozos/as que estiveron encantados de afondar en dinámicas de reflexión e participación, en grupos dunha diversidade máis alá do puramente estético. Diversidade nada sinxela de conseguir no noso día a día e aplaudimos a Alboan por impulsala, coidala e por facer posible que nos atopemos nestes espazos plurais e inclusivos.

Así, como quen non quere a cousa, coa escusa do dous por un, “mentres acompañades aos mozos e mozas un pouco de reflexión-formación”, os que deseñan as actividades de Educalboan introdúcennos, sen case darnos conta, nunha dinámica de escoita, reflexión e diálogo ante os que algunhas tivemos que sacudirnos a pereza e o cansazo da semana.

Tras os sesudos títulos apareceron, grazas aos poñentes, ideas e  emocións que nos espertaban, nos movían  e incluso algunhas nos inspiraban:  mirar para ver o que se pode e non o que non se pode, escoitámoslle dicir á psicopedagoga Constanza Orbaiz, era Pepe Menéndez quen nos traía as súas verbas; soubemos de organizacións en movemento que se poñen en cuestión e fan cambios estruturais e de acción valentes, é o caso de Fe y Alegría Colombia como  nos contaba Sabrina Burgos; con moita xenerosidade compartíronnos experiencias, algunhas  de transformacións de tradicións, como nos explicaban  desde o colexio de Xesuítas de Pamplona, outras de  innovación para incorporar espazos e dinámicas  de integración como resposta á propia realidade que se vive en Egibide, e tamén  procesos de empoderamento desde a educación non formal que fan posible a integración de mozos e mozas no Campillo-Vitoria como nos contaba Andrea.

A finais do sábado, invitáronnos a pararnos a mirar esas experiencias que nos presentaran e descubrir nelas algúns dos  15 trazos dunha educación para a transformación do mundo (trazos que recolleron nun documento guía, que pode ser unha ferramenta práctica para ir avaliando as nosas propostas, proxectos, procesos, rutinas educativas) e resultou sinxelo atopar varios deses trazos nas experiencias escoitadas. Pero ademais foron máis alá e animáronnos a botar unha ollada a algún dos recunchos dos nosos propios proxectos educativos; mira ti por onde, así, sen moito esforzo, algo anestesiados polo cansazo ao final do día, atopamos algúns destes 15 trazos tamén nos nosos armarios de educación, comprobando que algo tiñamos “na cartucheira”, non necesitabamos compralos todos nin empezar de cero para entrar nisto dunha educación transformadora. Esta constatación aliviábanos un tanto da carga de responsabilidade que temos entre mans, a educación, e axudábanos a espantar o medo e conectar con dinámicas de ilusión e esperanza, que ao final do encontro algunha persoa no grupo subliñaba como necesarias.

Grazas, Alboan, por axudarnos, unha vez máis, a parar, mirar e ver, que non é pouco. Agora tócanos pensar que facemos con isto no noso día a día, seguiremos consultándovos.

E agora, tras repasar o vivido, desde o humus que comeza a xerarse do escoitado e esquecido, do barruntado e contrastado nestes días, no medio destas xornadas de reivindicación laboral na educación e do día a día na aula, xórdenme entre outras cousas estas inquedanzas e interrogantes varios:

  • tempo, precisamos tempo para mirar ao “ti” que temos diante en cada momento e acompañalo…porque Gaizka, Lisbeth, Orianna, Asmae… mañá xa non terán 13 anos e as respostas estanas buscando hoxe, agora é cando necesitan ir descubrindo  “o que poden”, necesitamos tempo para miralas;
  • agora é o momento da transformación para unha cidadanía global, non se me pode escapar o agora por tentar que non se me escape o futuro da educación, …atordadas-os pola oferta de cursos e receitas para a educación do futuro, precisamos tempo, agora, para poñer en marcha o que xa sabemos que é transformador… sei que o tempo é limitado, urxe priorizar e elixir, organizarnos e complementarnos;
  • xusta, inclusiva, plural, participativa e sustentable, se a educación ten que ser así, pode que tal vez a transformación da mesma non poida ser tan rápida como queremos, ou como pensamos que “o momento require”…teremos que empezar a pensar no “decrecemento” tamén desde a educación, é posible un avance máis lento, pero no que non nos quede ninguén atrás, no que todas-os sexamos necesarios, educandos-as e educadores-as, e do que nos sintamos parte responsable nas nosas comunidades educativas, cada cal desde onde é?, ¿ e se o proceso é máis lento pero imos todas-os sentindo que esta transformación para a cidadanía global está sendo xa?;
  • mirar cara ao futuro si, pero non cara a calquera futuro… innovar si, pero é todo novo o que nos presentan como tal, todo o novo sérvenos para a transformación que queremos, non teremos moito xa nos nosos armarios educativos, poderiamos pensar máis a modo o que necesitamos e podemos adquirir, non poderiamos unirnos ao movemento “vintage”  tamén en educación, adaptar, reutilizar ben, sen necesidade de estar cada día buscando a última novidade fóra, nun estilo que soa moito a usar e tirar, a perpetua insatisfacción, a non sustentabilidade?

ENCONTRO REDE DE EDUCADORES DE EDUKALBOAN: “COEDUCACIÓN: CLAVE PARA UNHA EDUCACIÓN TRANSFORMADORA”

Durante o fin de semana do 31 de marzo ao 2 de abril tivo lugar en Estella o encontro da Rede Edukalboan, que Alboan realiza todos os anos co profesorado participante na mesma  como espazo participativo e formativo dos centros educativos.

Nesta ocasión, tivemos a oportunidade de gozar dun encontro de traballo, reflexión e tamén de diversión baixo o marco da importancia da Coeducación como método de traballo clave na transformación. Máis de 50 profesores e profesoras, así como educadores e educadoras do eido non formal puideron afondar sobre os aspectos dunha Educación Transformadora  e que ferramentas necesitamos para poder facela real nas nosas aulas, os nosos centros e a nosa entorna.

Os e as participantes tiveron a posibilidade de facer achegas significativas aos aspectos de centros transformadores e dialogar como se pode implementar no centro. Unha das achegas foi resaltar a importación do traballo en equipo e colaborativo para poder facer real a transformación pero sempre acompañado da posibilidade de innovar e facendo partícipes a todas as persoas que pertencen á comunidade educativa.

  

No marco da Coeducación traballouse unha presentación conducida por Estibaliz Linares, consultora sobre empoderamento da muller e investigadora da Universidade de Deusto, quen abordou os principais elementos que compoñen a Coeducación. E seguidamente gozamos dun tempo para coñecer tres experiencias prácticas baseadas sobre coeducación e empoderamento:

A primeira versou sobre o obradoiro Feminista e obradoiro de novas Masculinidades do colexio de Indautxu. A segunda presentounos a experiencia do colexio Leikitio, apoiado por InteRed e como  integraron a coeducación como enfoque de traballo no centro educativo, e por último, tivemos a oportunidade de coñecer a proposta de Alboan, e a súa experiencia no autodiagnóstico en centros educativos sobre coeducación. 

Seguimos traballando por construír un movemento educativo que amose como innovar nos centros educativos para lograr unha transformación real e comprometida como mundo máis xusto, sustentable e equitativo para todos e todas. Invitámosvos a que participedes nestes espazos e reflexións que estamos xerando coa intención de avanzar no camiño sobre como podemos transformar.

 

XORNADAS “A EDUCACIÓN TRANSFORMADORA E PARA UNHA CIDADANÍA GLOBAL: ESTRATEXIAS E EXPERIENCIAS”

Paulo Freire afirmou que “quen ensina aprende ao ensinar e quen aprende ensina ao aprender.  Isto é o que sucede cando profesorado e profesionais de ONG experimentan, se atopan e comparten ideas, reflexións e traballo colaborativo nas xornadas que organizou en febreiro, Oxfam Intermon con InteRed, Alboan e Entreculturas no marco da Educación Transformadora e a Cidadanía Global.

O obxectivo do encontro era reflexionar sobre os retos da innovación educativa desde a dimensión ético política seguindo a Educación transformadora e para a cidadanía global como horizonte do noso traballo e destacar a importancia e o rol do educador e educadora no proceso de transformación social, ofrecéndolle mecanismos e estratexias para a promoción dun modelo educativo intrinsecamente unido ao cambio do noso mundo cara a relacións xustas, sustentables e en igualdade para todos e todas.

A xornada iniciouse cunha gran reflexión sobre Que educación para que mundo? A innovación educativa ao servizo dos retos dunha sociedade global impartida por Jaume Martínez Bonafé (Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación e profesor titular no Departamento de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Valencia) e continuou co traballo colaborativo dos/das asistentes sobre estas preguntas e sobre que ferramentas son as apropiadas para acompañar este camiño.

O Movemento pola Educación Transformadora e a Cidadanía Global continúa traballando coas redes de profesorado das entidades participantes para impulsar a Educación Transformadora. Para iso, os espazos de reflexión, coma o organizado por Oxfam, sucederanse ao longo do ano coa intención de avanzar no camiño sobre como podemos transformar as nosas aulas, centros e prácticas docentes, en definitiva, que pasos debemos dar para chegar a sermos Centros Educativos Transformadores e de Cidadanía Global?

                              ANÍMASTE A INDAGALO CON NÓS?

PRIMEIRO ENCONTRO DO MOVEMENTO POLA EDUCACIÓN TRANSFORMADORA E A CIDADANÍA GLOBAL.

dsc03092-grupo-encuentro

Sobre como aprendemos a cambiar o mundo cando as nosas ideas están en movemento.

Os pasados días 4, 5 e 6 de novembro tivo lugar en Madrid, Los Negrales, o Primeiro Encontro do Movemento pola Educación Transformadora e a Cidadanía Global co apoio da AECID. Durante este tres días máis de 80 persoas  pertencentes á Rede de Educadores e Educadoras para unha Cidadanía Global, (Oxfam Intermon), Redec – Red Solidaria de Docentes (Entreculturas), Red de educadores y educadoras de ALBOAN para la solidaridad-EDUKALBOAN  (Alboan) e Rede Transforma de Centros Educativos (InteRed), traballamos  sobre un documento titulado “Trazos de Centros Educativos Transformadores” e reflexionamos conxuntamente sobre o que define a un centro educativo comprometido coa transformación social e global,  e que camiños e carreiros seguir para converterse nun centro transformador. Neste espazo contamos coa presenza de Fe y Alegría de América Latina e a Fundación Gonzalo Silveiro de Portugal, implicadas tamén no desenvolvemento de redes de profesorado para a cidadanía global no ámbito educativo.

Durante o encontro tivemos oportunidade de falar, compartir e reflexionar que dificultades, retos e logros temos na nosa práctica educativa diaria para poder impulsar e incorporar a Cidadanía Global nos nosos centros como modo de vida, de ensino e aprendizaxe comprometido cos Dereitos Humanos e Obxectivos do Desenvolvemento Sustentable. Pero tamén tivemos espazos para celebrar, emocionar e sentir como cambiar o sistema educativo desde os nosos compromisos e realidades coa mellor metodoloxía: o acompañamento, a escoita activa, e a aprendizaxe mutua e compartida.